miércoles, 18 de noviembre de 2009

FERNANDO BARREIRA na Casa do Escudo


INTERVENCIÓN DA SECRETARIA XERAL, CARMEN PARDO, CON MOTIVO DA EXPOSICIÓN ‘ÚLTIMA’ DE FERNANDO BARREIRA


Data: sábado 14 de novembro de 2009.
Hora: 19.00 horas.
Lugar: Casa do Escudo de Verín.


Boas tardes a todos e moitas gracias por vir hoxe á Casa do Escudo de Verín.

A ocasión, sen dúbida, meréceo e para min é un honor estar hoxe aquí, acompañando a este gran artista e amigo, Fernando Barreira.

Un universo máxico de técnicas e materiais danse cita en ‘Última’, título da exposición que hoxe sae á luz, xusto antes de que o Museo de Ourense revise os trinta anos de xoven vida artística do noso querido veciño.

Directos aos ollos e ao corazón do espectador chegan os seus deseños gráficos e os debuxos en serie realizados en tinta china, obras que soamente poden concebirse coa contundencia dun trazo tan certeiro coma o seu, un trazo que non admite a posibilidade do erro.

O artista convérsese nun francotirador de sentimentos nobres que rescata do esquecemento os antigos oficios que poboaban as nosas rúas e barrios: carpinteiros, meretrices, cerralleiros, pulpeiras… adáptanse á estética Barreira, ao dosificar sutil e maxistralmente notas de ironía e delicadeza sobre eses traballos xa en desuso.

A través do tríptico no que homenaxea ao seu pai, obra mestra da exposición, Barreira entoa un canto de amor aos seres queridos, ás propias vivencias e á humanidade en xeral.

O artista volve a vista atrás e revisa a súa infancia, descubrindo as sorpresas que movían a curiosidade dun neno que se volvería artista prolífico. Abellas, arañas, xoaniñas… tecen una madeixa de soños nun lenzo branco, que gracias á destreza do seu pincel, se cobre dunha gama cromática extensa e variada, na cal está case sempre presente como fondo a cor da terra que o viu nacer.

Os óleos sobre lenzo con incrustacións de bronce, e mesmo con lá ou pel, son un compendio de emocións táctiles, un paseo irrepetible pola obra dun artista local que se achega ao mundo con mirada universal.

Os máis variados soportes e técnicas teñen cabida na súa obra, un traballo que bebe da súa prolongada formación artística en mundos tan dispares como a decoración, o grabado, o debuxo, a publicidade ou a moda, na que traballa actualmente.

Na súa obra, premiada con numerosos galardóns, tanto en España como en Portugal, onde pasou varios anos da súa vida, verte as súas ansias de traballo e a súa visión do universo, unha visión fantástica que recorre con frecuencia a temas mitolóxicos e relixiosos.

A obra de grandes da pintura, como Velázquez, reivéntase tamén baixo o seu prisma. Razón e lóxica, sentimento e razón danse a man en espazos de amplos volumes que deixan a perspectiva nu segundo plano.
A imaxinación de Barreira cobra vida propia nos rostros humanos que repite case obsesivamente, e onde os rasgos faciais máis básicos, como a boca ou os ollos, son mesmo prescindibles para chegar ao concepto de fondo.

‘Última’ antóllase como unha ocasión única para acercarnos a coñecer o noso propio concello a través dos ollos dun dos seus fillos. Non esquezamos que Fernando vén axudando dende os seus inicios como artista a fomentar a arte realizada nesta zona do Támega.

Estamos seguros de que ‘Última’ será tamén o inicio doutros trinta anos de arte e de éxitos para él e para Verín.

Moitas gracias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario